15/5/12

Oitenta e nove mil primaveras(para Paz Andrade)




Achegamos aquí unha biografía cantada arredor da figura de Valentín Paz Andrade, a figura homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Home comprometido, traballador, visionario, galeguista e ilustrado, soubo combinar pensamento e acción para facer de Galicia un lugar mellor en tempos moi difíciles para a liberdade e a xustiza. Docencia, estudo, avogacía, economía, xornalismo, poesía, ensaio político, ligado tamén ao mundo empresarial... A figura de Valentín Paz Andrade constitúe un exemplo senlleiro para toda a cidadanía e tamén para as nenas e nenos que nacen devagariño, ao mundo. A escola debe poñer en valor e dar a coñecer as figuras que se significaron en vida no eido da cultura(e non só), pois o descoñecemento só acostuma traer indiferenza e desprezo.
O canto é oralidade(nalgún lugar da Odisea, di Homero por Ulises que os deuses tecen desventuras para que as xeracións futuras non lles falten tristuras que cantar), o canto é lingua; vencellar a lingua a experiencias agradabeis debera conducir a unha actitude positiva cara o uso e o coñecemento da mesma.

O título da canción é unha homenaxe implícita aos oitenta e nove anos de vida de Valentín e tamén ao epitafio de Cunqueiro.
Talvez non sexa fútil lembrar o estribillo da mesma: "rapaces, mirade! Onde pode chegar...? Un pensamento con ganas de soñar..."

Pois iso.








Nenas e nenos, no Recuncho dos Barrantiños tedes a vosa disposición as actividades que o Seminario Galán deseñou para aprender e disfrutar coa figura do Valentín. Premede aquí

Ensaiando as oitenta e nove mil primaveras: estas rapazas deben estar tol@s!

Aquí vos deixamos un pequeno ensaio nunha fase moi iniciática das Oitenta e nove mil primaveras(para Paz Andrade).

Dificuldades e carencias instrumentais evidentes, olvidos dos intérpretes(abandoados ao seu arte) biografía do Valentín Paz Andrade...


Untitled from Lois Pérez on Vimeo.

13/5/12

Ordem e progresso en Barrantes! Recibimos a visita de Tania, a nai brasileira de Martín

Se no primeiro trimestre recibimos a visita do avó arxentino de Pedro, que emigrou a Galicia e se estableceu aquí e no segundo trimestre recibimos a visita de Camilo, o avó galego de Lucía, que emigrou ao Uruguay, hoxe recibimos a visita de Tania, a nai brasileira de Martín.Un apagón puxo en perigo a retransmisión en directo da visita, pero finalmente puidemos retransmitir a mesma xa iniciada. Aquí podedes escoitar a transmisión a través de Irradio Lingua:




Ordem e progresso(así reza a bandeira do Brasil), ou deberiamos dicir coñecemento e progreso, pois só con el se pode progresar. Tania realizou primeiramente unha exposición fotográfica, do seu arquivo persoal e dun libro moi especial do gran fotógrafo Sebastiao Salgado, mesturada con froitos característicos do Brasil, variedades de fariñas, e mesmo algúns boliños.

 Pero o máis salientable aconteceu despois, cando xa co micrófono de Irradio Lingua nas mans comezou a falar do seu Brasil. Finalmente, Tania contoulles ás "meninas e meninos" un conto en portugués brasileiro: Pedro e as ferramentas.


A achega ao portugués a través do galego abre unha porta a unha comunidade de fala de máis de douscentos corenta millóns de persoas. Neste caso, é unha oportunidade do alumnado da escola de entrar en contacto con xente doutros lugares, doutras culturas. A competencia lingüística favorécese tamén acostumando o alumnado dende cativo a iniciar intercambios lingüísticos sinxelos con normas elementais de cortesía ou de escoita atenta respecto a persoas do seu entorno máis ou menos próximo: canto antes se inicie este camiño, antes se conquerirán as aprendizaxes que favorezan o seu acadamento. A escola debe fomentar este camiño: o intercambio de voces, e debe favorecerse cantas veces poida das experiencias de xente da contorna que conforma a comunidade educativa. (no caso de Tania, hai contidos para varias conversas) En homenaxe a ela e a súa xenerosidade, deixámosvos unha canción moi especial, que nos recomendou ela mesma cando xa se foran @s nen@s: Pra soletrar a liberdade. Esta canción está asociada ao Movemento dos Sem Terra, do que Tania formou parte durante moitos anos. Formou parte do mesmo nun dos episodios máis desgrazados da historia do mesmo, a Matanza de Eldorado de Carajás, na que a Policía Militar disparou contra a multitude que se manifestaba, suceso que recolle precisamente o libro de Sebastiao Salgado. A canción, aquí:




Pra soletrar a liberdade Letra: Zé Pinto; Arranjo: Dionísio; Voz: Leci Brandão; Teclados: Luís Lopes; Violão Nylon: Evaldo Cavalcanti; Cavaquinho: Raiala; Baixo Elétrico: Toninho Porto; Percussão: Nenê; Bateria: Nando Garcia; Viola: Kapenga Ventura; Coro: Zé Cláudio, Marquinhos, Zé Pinto, Kapenga

 Tem que estar fora de moda criança fora da escola, pois há tempo não vigora o direito de aprender Criança e adolescente numa educação decente pra um novo jeito de ser pra soletrar a liberdade na cartilha do ABC. Ter uma escola em cada canto do Brasil com um novo jeito de educar pra ser feliz Tem tanta gente sem direito de estudar É o que nos mostra a realidade do país. Juntar as forças, segurar de mão em mão, numa corrente em prol da educação Se o aprendizado for além do Be A Bá, todo menino vai poder ser cidadão. Alternativa pra empregar conhecimento Movimento já mostrou para a nação desafiando dentro dos assentamentos Reforma Agrária também na Educação

 Para ouvir o todo o CD Arte em Movimento: http://www.landless-voices.org/vieira/archive-05.phtml?rd=ARTINMOV039&ng=...

9/5/12

Folk&Lingua: 4º curso gravou unha cortina musical e intercambiou impresións sobre o proceso

O espazo de Rock&Lingua tenta vencellar música e galego co xogo de palabras: "&" significa and, que pode ser e ou é, por tanto: rock e lingua, pero o rock é tamén lingua.

Observamos obviamente, que ao estar en Galicia non podemos deixar de lado as nosas tradicións musicais e o importante legado musical que posuímos. Así que parece lóxico abrir o espazo FolkÉlingua, Folk&Lingua.

 Un dos obxectivos do proxecto é trascender as celebracións e incorporar de xeito progresivo prácticas que redunden no intercambio habitual entre alumnado e mestras/es de diferentes niveis, especialidades ou mesmo intencións e obxectivos, a priori diverxentes: en suma, modificar a práctica educativa. Tamén: percibir a escola como un lugar algo máis interconectado entre os seus membros e actividades no día a día. Isto supón trastornos: xente desprazándose a outras aulas, inseguridade que provoca un entorno cambiante, necesidade de flexibilizar as propostas(en canto a horario, en canto a espazos, en canto a número de participantes...) Pensamos que o importante é dar pasos nesa dirección, sumar colaboracións que se apropien do proceso(manexo da radio, das aplicacións tecnolóxicas...Que se poida percibir claramente que esas actividades son unha opción a incorporar ou afondar dentro da aula no día a día), e facer das propostas algo realmente vivo.

Nesta ocasión, o alumnado de 4º curso, da man de Mercedes, súa titora e María, a mestra de Música, gravaron a peza "Eu non sei" para incorporala ao arquivo de cortinas musicais de Irradio Lingua, momento que se recolle no vídeo.
Aquí, podedes escoitar o programa completo no que o alumnado nos explica algunha particularidade máis da música que interpretaron:


Untitled from Lois Pérez on Vimeo.