20/3/12

Iniciouse o Falador de soños!!

Outra das actividades contidas no proxecto de Irradio Lingua é o Falador de Soños. Algo estimulante e que acostuma motivar o alumnado é o feito de poder expresar visións ou inquedanzas relacionadas coa súa experiencia. As visións oníricas, que Sócrates atribuía ao lume interior que se axitaba polos movementos da cabeza e a influenza das pálpebras, constitúen unha fonte de certo valor pedagóxico, pois ben aproveitadas poden constituír o punto de partida para construír un texto, unha historia e mesmo unha canción. Instalamos con dificuldade o Falador de Soños, coa porta que se converte en lingua, e iniciamos as gravacións. Iremos poñendo de paseniño os soños d@s nos@s protagonistas e vendo en que deron. Aquí vos deixamos o primeiro feixe:


E xa no interior da máquina...

9/3/12

Arxentina, Uruguay e Galicia: viaxe de ida e de volta

"Non hai mellor norma de comportamento que o coñecemento do pasado" Tácito

No primeiro trimestre recibimos na escola de Barrantes ao avó arxentino de Pedro acompañado da nai(súa filla) dun alumno do primeiro ciclo. Chegou cunha sorpresa: o Gaucho Barrales, un monicreque que fixo el mesmo, e co que nos explicou a súa vida na Arxentina e as circunstancias que lle fixeron percorrer máis de dez mil quilómetros e deixarArxentina para se instalar en Galicia.

Hai uns días recibimos a visita de Camilo, de setenta e catro anos, avó de Lucía, outra alumna do primeiro ciclo que nos fixo o relato da súa experiencia na emigración no Uruguay, en Montevideo, onde estivo a traballar dez anos para xuntar cartos e poder casar con Florinda, a avoa de Lucía. Contounos a súa viaxe en barco para cruzar o Atlántico, as súas viaxes en bici por todo Montevideo, e moitas cousas máis, antes de volver definitivamente a Barrantes.


A conexión entre Sudamérica e Galicia a través das experiencias dos maiores do alumnado debera permitir un maior coñecemento do entorno no que se está a desenvolver. A competencia lingüística inclúe non só o falar, senón saber que falar, como falar e cando, así como SABER ESCOITAR, para poder formular pensamentos e reflexións que lle axuden a nena e o neno a interactuar mellor . A competencia social e cidadá promóvese tamén a través do contacto interxeracional. O pasado danos pistas tamén do que permanece, daquelo que nos define como individuos e como sociedade...


Graciñas aos dous pola súa xenerosidade a a súa paciencia!!

2/3/12

Deixa que o Entroido entre en ti!!

Aquí vos achegamos un resumo do Entroido que vimos de celebrar na escola. Ademais de Irradio Lingua, polo cal nos disfrazamos de personaxes da literatura de Álvaro Cunqueiro, o alumnado tamén se disfrazou de obras de arte, árbores, fadas, xoaniñas...Mesturando elementos de Voz Natura e Cooperarte, os outros dous proxectos que articulan a actividade da escola. Este foi o resultado: