20/12/11

Escoita xa a estrea mundial de Irradio lingua Volume I !!

Hoxe a partires das cinco da tarde terá lugar a estrea mundial de Irradio lingua Vol. I
Para escoitalo no ordenador, no móbil ou descargalo só tedes que clicar no PLAY do reprodutor de audio de Ivoox e ter un pouco de paciencia para deixar que cargue:





Finalmente, o programa ten unha duración de arredor de 43 minutos. A estrutura do mesmo é a seguinte:

1. Introdución e presentación
2. Teatro radiofónico Álvaro Cunqueiro: 1º e 2º curso de primaria
3. Contos de medo: 3º e 4º curso de primaria
4. Díxome, díxome: visita das familias do alumnado a escola. Nesta ocasión, a cargo de Educación Infantil
5. Irradio&Rock:
6. Entrevista a Álvaro Cunqueiro: alumnado de 6º curso
7. Making Off

Ademais, todo o alumnado participa nas múltiples cortinas musicais que introducen e despiden as distintas seccións do programa. Nesta edición a sombra de Álvaro Cunqueiro proxéctase sobre o mesmo como os paraugas voadores dos seus contos.

Para @s máis curios@s (ben sexan pais, nais, avoas, avós, ou nenos, nenas e mestres...), algunhas curiosidades, que podedes ampliar clicando nos enlaces activos en azul: a melodía inicial corresponde a Delia Derbyshire, muller que traballou durante máis de vinte anos nun sótano como técnica de son para a televisión e a radio da BBC británica e que compuxo a banda sonora de Doutor Who, serie mítica que se emitiu na TVG hai uns anos.

Outras voces que percorren o programa ademais da de Cunqueiro son as de Edith Piaf, Chuck Berry, ou Luis Emilio Batallán, (interpretando Quen puidera namorala, un dos poemas de Álvaro Cunqueiro)
As cortinas musicais remítennos tamén a Amancio Prada, aos Burning, Rolling Stones,  Andrés Calamaro e moit@s outros.

Felicidades a tod@s. O esforzo de tod@s pagou a pena.

18/11/11

Gravación de avance dos episodios de Teatro Radiofónico Cunqueiro 11.0

Achegámosvos unha gravación de proba do Teatro Radiofónico Cunqueiro 11.0 que se integrará no programa "Díxome, díxome", que estrearemos en breve en Irradio Lingua. Trátase dunha adaptación do conto incluído en Xente de aquí e de acolá "Soleiro en figura de corvo", do autor mindoniense.  Nesta ocasión, as voces corren pola conta do alumnado do 1º e 2º curso de Educación Primaria do Ceip de Barrantes, coa axuda da súa titora e do seu titor. Tivemos dificultades técnicas e de son que tentaremos ir pulindo para a estrea e para vindeiras gravacións. Incluímos aquí unha cortina musical de apertura e outra de peche interpretada e gravada en directo en Irradio Lingua:



Nen@s e maiores, podedes consultar aquí o texto da historia:

6/11/11

Comezaron os ensaios e o traballo con Álvaro Cunqueiro!

Hoxe mergullámonos nos textos de Álvaro Cunqueiro das súas obras Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes e comezamos os ensaios: ler, interpretar, escoitar, memorizar, gravar @s compañeir@s coa cámara de vídeo e co mp4...Tamén fixemos efectos especiais de fondo, o que require unha escoita atenta e cooperar para acadar o obxectivo. En breve colgaremos a peza para que a disfrutedes. A peza elixida foi Soleiro en figura de corvo, un contiño sobre misteriosas transformacións e amor imposible. Aquí vos deixamos un pequeno resumo do proceso:



1/11/11

Comezou a andar o radio blogue!

Hoxe inauguramos este espazo virtual onde poderedes seguir o desenvolvemento do Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística do Ceip de Barrantes(Tomiño), IRRADIO LINGUA.

Co mesmo pretendemos integrar música, arte, natureza, literatura, TICS, oralidade e en definitiva, LINGUA, na procura de prácticas educativas que favorezan o acadamento da competencia lingüística en galego entre o noso alumnado, potencien a participación efectiva dos distintos axentes da nosa comunidade educativa e en definitiva, transformen na medida do posible a vida da escola.

Como benvida, convidámosvos a botarlle unha ollada ao proxecto, e de paso deixamos algúns saúdos dalgúns dos moitos protagonistas que por este espazo desfilarán ao longo do curso.


Clica aquí abaixo para os saúdos de benvida:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.